O luns 1 de febreiro tivemos a xuntanza mensual de Outra Forma de Vivenda no centro cívico Os Mallos. Estes encontros forman parte da fase na que nos encontramos de busca de persoas interesadas en ser futuras habitantes. Neste caso, un dos obxectivos a tratar era coñecer mellor o modelo de “cesión de uso”.
Para iso, contamos coa participación a través de vídeoconferencia de Raül Roberts, o presidente e socio fundador da cooperativa Sostre Civic. A cesión de uso é un modelo habitacional máis asequible que non é nin compra nin aluguer, o que da máis liberdade de movemento e xenera un sistema dinámico. É máis común nos países nórdicos, aínda que en España empeza xa a usarse como modelo.
Foi unha xornada moi interesante que serviu como motivación para avanzar nesta dirección co noso proxecto. Na cesión de uso, unha das claves está en que as vivendas son propiedade da cooperativa como conxunto, non existe a propiedade individual ou persoal. Desta forma, cunha aportación inicial adquires o dereito de uso como habitante e cooperativista. Esta cantidade varía moito xa que depende de moitos factores (ubicación das vivendas, se son construidas de cero ou rehabilitadas, se hai colaboración ou non de institucións, e se existe ou non cesión de espazo). Ademáis, apórtase unha cantidade mensual similar a un aluguer. Este modelo fai transferibles as vivendas na propia familia, e fai posible que se alguén decidira deixalas, devolveríaselle a cantidade inicial de forma que quedaría libre para a entrada doutra unidade familiar.
Estamos moi contentos coa xornada, aínda que sentimos que nalgún momento fallara a comunicación . Moitas grazas a Sostre Civic e a Raül por esta colaboración, e ás persoas que asistiron a esta xuntanza. A próxima reunión orientada a grupos de traballo para poder avanzar segundo o cronograma fixado, será o luns 15 de febreiro no centro cívico Os Mallos (aula 4).
Aquí vos deixamos un vídeo onde Raül explica brevemente e de maneira moi sinxela o funcionamiento do dereito de uso.