Outra Forma de Vivenda (OFV) é a cooperativa cidadá sen ánimo de lucro que impulsa As Lavandeiras. Nacemos en 2015 coa vocación de repensar o xeito no que habitamos.
Durante estes 11 anos desenvolvemos obradoiros, xornadas e procesos participativos que deron forma a unha comunidade sólida e comprometida.
En 2025, a nosa proposta arquitectónica resultou gañadora do concurso convocado polo Concello da Coruña para a concesión dunha parcela en Xuxán.
Traballamos co obxectivo de demostrar que a vivenda cooperativa é unha alternativa viable e necesaria ao modelo especulativo dominante, baseada na cooperación, na sustentabilidade e na eliminación da especulación.
intencións
Proxecto de vivendas accesibles, comunitarias e sustentables na cidade da Coruña
É momento de cambio, pedímolo as persoas e tamén a natureza. Tod@s temos dereito a unha vivenda adaptada á nosa situación persoal.
Quen somos?
Somos un grupo de persoas que baseándose en experiencias e problemáticas próximas, decidimos unirnos co interese de desenvolver esta iniciativa común. Ademáis de xente interesada en ser habitantes, hai profesionais de diversas áreas (terapia ocupacional, arquitectura, comunicación, traballo social, psicoloxía,…).
En 2016 constituímonos como asociación sen ánimo de lucro, i en 2020 como Sociedade Cooperativa Galega.

Que queremos?
- Impulsar un proxecto piloto de vivendas accesibles, sustentables e comunitarias, no que as persoas interesadas tomen parte activa na súa promoción, deseño e xestión.
- Reivindicar o dereito a unha vivenda digna tendo en conta as situación de cada unidade de convivencia.
- Propoñer outra forma de construír e habitar, respectuosa e considerada co medio ambiente e coa saúde das persoas.
- Estender a idea de habitar máis aló da vivenda propia, primando as relacións dentro da comunidade e co barrio.
Caractéristicas
Accesibles
Ofrecendo a posibilidade dunha vida independente e autodirixida, que a través dun deseño universal e inclusivo, facilite a autonomía das persoas nas súas casas e actividades cotiás.
Con espazos adaptables que poidan axustarse ás necesidades específicas de cada núcleo de convivencia, xa que non existe un modelo de vivenda ideal, senón unha vivenda única para cada persoa ou familia.
Comunitarias
Facilitando a creación de sinerxías tanto coa propia comunidade como co seu barrio en particular, e co tecido social en xeral.
Fomentando a autonomía non só dentro do domicilio, senón tamén nos espazos comunitarios e no barrio.
Promovendo unha convivencia colaborativa e participativa dentro da comunidade, que atenda ás diferentes unidades de convivencia na súa diversidade, e que abranga a totalidade do proceso (formación do grupo, deseño, materialización e uso).
Sustentables
Empregando materiais respectuosos co ambiente e coa saúde das persoas.
Con criterios de eficiencia enerxética (tanto na construción como ao longo da vida útil das vivendas), e de aforro e aproveitamento dos recursos en xeral (reciclaxe, materiais renovables, etc.)
Cun custo asumible que non supoña unha carga económica desproporcionada para os seus habitantes.
As Lavandeiras
As Lavandeiras é o primeiro proxecto de vivenda colaborativa en cesión de uso na Coruña. Unha oportunidade única para construír o teu fogar desde a participación, a democracia e o respecto mutuo, creando unha alternativa real ao modelo tradicional.




