-
Dereito á vivenda
O Dereito universal a unha vivenda, digna e adecuada, como un dos dereitos humanos, aparece recollido na Declaración Universal dos Dereitos Humanos. -
Deseño universal
Os espazos deben ser deseñados para os individuos que os habiten e para o tipo de actividades que neles se desenvolvan. Desde esta perspectiva, os espazos poden ser empregados por todos de xeito idéntico ou equivalente, independentemente das súas características, sen ningún tipo de segregación nin exclusión polas súas condicións personais. Non existirán elementos exclusivos e diferenciadores para persoas con discapacidade, senón que todos os ambientes acollerán a diversidade de todos os individuos.Esta necesidade de universalizar os entornos non enfronta coas necesidades específicas e individuais das persoas; un espazo deseñado con este tipo de criterios pode ser adaptable a acomodarse ás características únicas e exclusivas de cada individuo, propiciando así que as persoas desempeñen as súas actividades cotiás libremente elixidas, de xeito autónomo e facilitadas polo entorno no que se desenvolven.
-
Comunidade
Os seres humanos somos seres sociais. A nosa actividade diaria está especialmente influenciada pola comunidade á que pertencemos, as relacións que establecemos e, en definitiva, os roles sociais que nos atribuimos. Formamos parte dun tecido social no que influimos e participamos de xeito activo, sobre o que temos a nosa responsabilidade, pero que tamén inflúe sobre a nosa vida.Diversidade funcional e inclusión social van da man nun mundo no que todas as persoas somos diversas.O obxectivo último das actividades que realizamos é a participación social, que nos reporta satisfacción e benestar. A vivenda na que desenvolvemos as nosas actividades máis básicas e íntimas non pode ignorar este compoñente social dos individuos; tamén debe impulsar a convivencia entre individuos e grupos, e posibilitar o apoio e a participación comunitaria.
-
Sustentabilidade
Os principios de sustentabilidade económica, social e ecolóxica están presentes na nosa filosofía de traballo. O acto de construír e edificar xera un grande impacto no medio que nos rodea. Perseguiremos neste proxecto minimizalos na medida do posible, axudando a crear un desenvolvemento sostible que non contribúa a esgotar o planeta.Gustaríanos relacionar dun modo harmónico as aplicacións tecnolóxicas, os aspectos funcionais e estéticos, e a vinculación coa contorna (natural ou urbana) da vivenda. Deste xeito tentaremos acadar un dos nosos obxectivos, o de lograr hábitats que respondan ás necesidades humanas en condicións saudables, sostibles e integradoras.