Orixe

Diversidade de situacións persoais

Este proxecto xorde por mor da caída dunha persoa familiar de 62 anos, que lle provoca unha lesión medular, cunha consecuente paraplexía (non tendo sensibilidade nin mobilidade de peito para abaixo).

Dada a súa idade e complicacións, os limitados recursos existentes para este tipo de poboación que hai na cidade da Coruña, e polo persoal que necesita, vése na obriga de mudarse a unha residencia de maiores.

Adaptando casa, corpo e mente

Partimos dun gran problema emocional, ao que se enfrontan as persoas con diversidade funcional, en xeral, e ao que as persoas con discapacidade sobrevida, en particular, teñen que enfrontarse de súpeto, aceptando os seus novos roles.

Por outra banda, han que buscar os medios propios para poder adaptar as súas vivendas a esta nova situación, e afrontar tamén os problemas de accesibilidade en zonas comunitarias, procurando con iso ser independentes.

Malia que consideramos que o ideal é continuar na vivenda habitual e contar coas facilidades para adaptala á situación persoal, isto non sempre pode ser así. A lexislación, os recursos, a falta de facilidades, ou a complexidade dos cambios a realizar moitas veces o impiden.

Ademáis, non todo o mundo conta con vivenda en propiedade (a xuventude sen emancipar e o cada vez maior número de xente que prefire alugar a comprar e hipotecarse, son un exemplo), o que complica aínda máis o proceso.

Buscando outras opcións cando a nosa casa non está adaptada

Como alternativa ao retorno ao domicilio habitual, xorde a idea da institucionalización: na actualidade, na nosa Comunidade Autónoma, a maioría de residencias destinadas a persoas maiores e persoas con diversidade funcional, ten unha orientación clara hacia persoas con grandes dependencias con esixencias de coidados elevadas, e aínda non sendo así, presenta poucas alternativas para a autonomía. A escaseza de prazas en relación á demanda social tamén imposibilita a especificidade dos coidados e a cobertura axeitada para os individuos potencialmente autónomos. A isto hai que engadir a liberdade dos prezos das alternativas privadas.

Por outra banda, está claro o beneficio da permanencia destes individuos no tecido social ao que pertencen, e o mantemento das súas actividades e os seus roles cotiás. Un entorno facilitador resulta clave para a participación social, mentres que un entorno que supoña un obstáculo pode derivar nunha situación de dependencia

Vivendas para todas as persoas

Este proxecto ten como obxectivo o deseño de vivendas con criterios universais, para todas as persoas, e con posibilidades de adaptación ás características individuais, facendo cada vivenda única e axeitada para as persoas que a habitan.