Estamos moi satisfeitas co interese que houbo o pasado xoves 25 de febreiro no Punto de información para habitantes.
Moitas grazas a Zocamiñoca e á súa xente que nos fixeron estar tan a gusto no seu local.
E moitas grazas tamén a tódalas persoas que estivestes acompañándonos coa intención de ser “potenciais” habitantes de Outra Forma de Vivenda.
Xa somos máis de 10 persoas as interesadas en ser parte desta iniciativa a falta de coñecer temas importantes como poden ser a ubicación e as cifras económicas, cuestións que se irán aclarando no tempo segundo avancemos nas negociacións e contactos con administración e institucións. O 10 de marzo temos a primeira cita coa concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda. Iremos actualizando as novedades que encontremos, e en breve informaremos do próximo punto de información e da xuntanza mensual, que será o luns 14 de marzo ás 18:30 no centro cívico Os Mallos.
De momento, imos formando comunidade; aínda tes oco nesta cooperativa de vivendas sustentables, accesibles e comunitarias.
¿Buscas unha vivenda sustentable, comunitaria e accesible?
Outra Forma de Vivenda é un grupo de persoas que, baseándose en experiencias e problemáticas próximas, decidimos unirnos para impulsar un proxecto piloto de vivendas accesibles, sustentables e comunitarias, onde as persoas habitantes tomen parte activa na súa promoción, deseño e xestión.
Esta iniciativa xorde da necesidade doutro estilo de vivir, na que se teña en conta a natureza e os seus recursos, así como os seres humanos como seres sociais, de forma que tanto a vivenda, a contorna, e as nosas características persoais e familiares, sexan o punto de partida do proxecto.
Outra Forma de Vivenda busca a persoas/familias interesadas en ser parte como futuras habitantes desta iniciativa sen ánimo de lucro, que ten como obxectivo crear unha cooperativa de vivendas en cesión de uso baseadas en 3 pilares: sustentabilidade, accesibilidade universal e vida comunitaria na cidade de A Coruña.
Xa somos máis de 10 persoas/familias que polo que semella, serán unha parte dos habitantes da cooperativa. ¡Aínda faltas ti!