É unha iniciativa impulsada por persoas que reivindicamos unha vivenda onde sexan tidas en conta os individuos e as súas circunstancias persoais e sociais, vista a situación da vivenda nas últimas décadas, e que semella que se convertiu nun negocio, esquecendo ás veces que estamos a falar dun dereito universal.
Queremos crear na cidade de A Coruña unha cooperativa de vivendas formada polas propias persoas interesadas en ser habitantes, un grupo de xente heteroxéneo, e cunha serie de criterios imprescindibles:
– Que sexan ACCESIBLES: para calquera persoa, en calquer momento e circunstancia da súa vida. Que o teu fogar non sexa nunca unha limitación senón un punto de partida favorable no que desenvolver o día a día. Falamos de bebés e o seu carriño, falamos de persoas maiores, de mobilidade reducida, pero sobre todo, falamos de que somos seres cambiantes e son as vivendas as que teñen que adecuarse ás nosas circunstancias.
– Que sexan SUSTENTABLES: a pesares de ser unha palabra moi usada nos últimos tempos, consideramos que este debe ser un requisito básico no sentido de que urxe ser respectuosas co medio ambiente e os seus recursos, e isto supón buscar alternativas enerxéticas e de construción. A nosa casa última é este planeta, e toca tomarse en serio o seu coidado.
– Que sexan COMUNITARIAS: isto non quere dicir vivir en comuna, senón que cada unidade de convivencia terá a súa vivenda coa súa intimidade, pero entre as persoas interesadas decidirase que espazos queren ter en común. Pode ser unha lavandería, para de paso facer un consumo máis responsable; pode ser unha sala de ocio; unha cociña común; ou incluso persoal de apoio se así se considera. Compartir recursos de este tipo é máis económico e pode representar unha mellora na dignificación e revalorización da sociedade de coidados no seu conxunto. Somos seres sociais e compre coidar as relacións entre as persoas, desde un nivel máis inidividual, ata outros máis colectivos como a comunidade de veciñas, a rúa, o barrio e a cidade, tecendo así redes interpersoais e sociais.
– Unha cooperativa de vivendas que siga o modelo de CESIÓN DE USO. Este modelo, que empeza a usarse en España con iniciativas como Trabensol, La Borda, ou Entrepatios, é moi común noutros países de Europa e de América Latina. As vivendas son propiedade da cooperativa, e ti, como habitante, pagas unha cantidade inicial e unha mensual que representa o dereito de uso da vivenda. Se co tempo decides deixar de vivir ahí, esa cantidade inicial se devolve, quedando así vacante unha casa para outras persoas.
Este modelo escapa da especulación tan asociada coa construción e o aluguer e venta de vivendas, e ademáis, aporta a liberdade de movemento que da tamén o aluguer.
O noso ideal é poder contar coa participación e colaboración da Administración para poder levar a cabo esta iniciativa que da resposta a moitas necesidades e que pode supoñer unha experiencia replicable noutros lugares ou momentos. Representa ademáis o dereito de poder elexir onde vivimos, independentemente das circunstancias que nos acompañan. Está a ser un proceso participativo e enriquecedor a tódolos niveis.